“Cos galegos xa se sabe que nunca se sabe”, sentenciou Gabriel García Márquez ante a Praza do Obradoiro, dubidando se a de Siena seguía sendo a praza máis bela do mundo. E é que presentar a terra propia é unha tarefa esquiva; é intentar definir ese pedazo de mundo que coñecemos tan ben que podemos volver a el con só pechar os ollos. O galego e europeísta Salvador de Madariaga describía a psicoloxía dos pobos como unha rede de tensións onde a intelixencia e a intuición se entrelazan, e Galicia posúe unha personalidade inconfundible.

A primeira visión da paisaxe ofrece unha impresión única: a combinación da natureza exuberante co traballo do ser humano. É o “país dos mil ríos”, como gustaba definila Álvaro Cunqueiro. Pero Galicia é mar, coas súas rías de soño que transmiten a serenidade necesaria. É a forza dos cantís do norte, costas bravas cheas de lenda que conforman unha encrucillada cultural de case trinta mil quilómetros cadrados. A nosa verdade está labrada no granito e salgada polo Atlántico. É monte. Galicia é o que queiras que sexa...
Os galegos somo España e participamos tamén do mundo portugués, conformando unha Eurorrexión. A nosa cultura é a base da nosa identidade, un patrimonio que arrinca no Románico e culmina no Barroco, que camiña cara a Compostela. Esta ruta de fe e arte, dinamizada polo fenómeno das peregrinacións e consolidada polo Xacobeo que impulsou Manuel Fraga, é hoxe un exemplo de convivencia. A lingua, das máis antigas do Vello Continente, naceu coa lírica do século XII e chega viva ata hoxe, sumando nomes universais como Valle-Inclán ou Camilo José Cela.
Na arquitectura da memoria, o papel da muller galega é fundamental, columna vertebral da resiliencia e do intelecto. Debemos lembrar a inmensa Emilia Pardo Bazán, cuxa pluma rompeu moldes co seu rigor crítico e o seu espírito vangardista. Xunto a ela, a figura de Rosalía de Castro, quen converteu a dor e a morriña nunha literatura universal. E, por suposto, Concepción Arenal, esa humanista visionaria que, coa súa loita polos desfavorecidos e o seu compromiso social, demostrou que a conciencia galega ten unha profunda raíz feminina, valente e reformadora.
A Galicia do terceiro milenio, sen deixar de ser a de Castelao, Risco ou Cunqueiro, é xa unha realidade en cambio permanente, conectada ao desenvolvemento e ás novas tecnoloxías. Xestionar o éxito da Comunidade require unha vontade profesional de realizar un bo traballo que supere o erro histórico do illamento. Como dicía Ramón Otero Pedrayo, a nosa terra goza dunha “conciencia orixinal”. Esa conciencia tradúcese hoxe en centros de creación e universidades vivos e nunha industria que demostra que o modelo galego —de paz e solidariedade— é xa respectado no exterior e mesmo atrae aos chineses que farán coches en Ferrol, un éxito da Galicia Calidade na era Alfonso Rueda.
Saber mirar polo retrovisor da nosa historia permítenos valorar a hospitalidade dunha estirpe que superou a emigración traumática cara aos dorados americanos ou europeos. Somos pezas soltas dun crebacabezas de avance que se biografía no esforzo de INDITEX, Stellantis, COREN, GADIS, Estrella de Galicia, ABANCA, FINSA ou Nueva Pescanova. A intermodalidade entre a tradición das redeiras e a vangarda da agroindustria ou dos nosos drons é o que outorga verosimilitude á nosa biografía colectiva. Inseminar o mañá con esta conciencia de vigor é a mellor forma de asegurar que a nosa existencia non sexa un tránsito mudo cara ao esquecemento.
A mística do cotián ensínanos que un galego é un ser capaz de coller unha gaita, un paraugas, unha maleta ou unha ilusión e facer deles a súa vida. Somos artesáns da nosa propia maneira de ser, un universo fraternal e cosmopolita que se une dende as luces de Vigo ata o adarve de Lugo, dende o carnaval de Laza a Riazor. A realidade do noso éxito vence a calquera ficción de periferia, lembrándonos que as camelias, símbolo da nosa resiliencia, florecen precisamente no inverno.
Finalmente, o tempo fíxose galego. Aquí estamos, neste illote de bonhomía, conxurando o universo e tecendo mundos. Aquí estamos coa seguridade de que a identidade cultural é un enorme refuxio que nos permite ser universais sen deixar de ser nós mesmos. Temos que seguir aprendendo a ser bos fillos desta terra que, como unha nai antiga, sempre nos acouga con agarimo.















