O impacto da xenética na saúde e na medicina personalizada

Polo Día mundial do ADN o CIMUS organizou unha conferencia de Ángel Carracedo titulada ‘Do Proxecto Xenoma Humano ao Proxecto Xenoma Galicia’.

27/04/2025

Dende o ano 2003, cada 25 de abril conmemórase o Día Mundial do ADN para celebrar un dos fitos máis importantes da ciencia, como foi o descubrimento da estrutura en dobre hélice do Ácido Desoxirribonucleico (ADN). O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC sumouse aos actos de conmemoración deste transcendental achado reafirmando o seu compromiso coa investigación de excelencia e a divulgación científica.

O acto, aberto a toda a cidadanía, deu comezo co conferencia ‘Do Proxecto Xenoma Humano ao Proxecto Xenoma Galicia na que o catedrático de Xenética da USC e investigador principal do CiMUS, Ángel Carracedo, abordou a evolución desde os primeiros mapas xenéticos globais ata as iniciativas actuais para o estudo do xenoma da poboación galega, con implicacións directas para a saúde e a medicina personalizada.

A xenómica é hoxe a base da medicina personalizada e ten como campos principais de aplicación as enfermidades xenéticas (que son a gran maioría das enfermidades raras), a mutación somática no cancro e o cancro hereditario, a farmacoxenética e o diagnóstico prenatal (mediante a análise de ADN fetal en sangue materna). “Pero a maior contribución da xenética á enfermidade non está nas mutacións senón na variación común que pode ser capturada con estudos de asociación que se chaman GWAS con arrays de alta densidade”, explicou Carracedo.

Tras a conferencia, tivo lugar unha mesa redonda na que o profesor Carracedo estivo acompañado polos investigadores do CiMUS José Tubío, Miguel González Blanco e Ricardo Villa-Bellosta, este último moderador do debate e coordinador do evento.

O CiMUS, que vén de obter a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento das enfermidades crónicas de alto impacto na sociedade.