O legado de Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista a prol dos dereitos das mulleres, resoou este martes 12 no Colexio de Fonseca. No acto institucional co que a USC conmemora cada ano o Día das Letras Galegas, a reitora Rosa Crujeiras destacou a obra literaria e o labor xornalístico desta autora que ocupa “un lugar central da cultura galega contemporánea”, como recoñeceu a Real Academia Galega ao dedicarlle a celebración do 17 de maio, “non só polo que escribiu, senón polo modo ético e consciente no que exerceu a palabra”. “Caamaño reivindicou a palabra das mulleres, levando por bandeira na súa actividade o feminismo, a sorodidade, a defensa da lingua e a xustiza social”, salientou a reitora.

Acto de homenaxe a Begoña Caamaño. Foto: Santi Alvite, USC.
O volume colectivo presentado no acto, Begoña Caamaño: mudar o mundo, cuxa edición correu a cargo da profesora da Facultade de Filoloxía, María Xesús Nogueira, e que acaba de ver a luz co selo Edicións USC, profunda na figura da creadora homenaxeada. “Lendo lendo son todas as Begoñas posibles, lendo son máis Begoña”, afirmaba a propia Begoña Caamaño. Tomando esta frase como punto de partida, a profesora Nogueira “foi desenleando, a través dun percorrido pola súa traxectoria, os fíos de todas esas begoñas posíbeis”.
A profesora Nogueira comezou pola nena lectora do vigués barrio do Calvario, cidade que acolleu tamén os seus primeiros pasos profesionais. “A chave que abriu as portas da profesión á que dedicou a súa vida, o xornalismo radiofónico, atopouna nunhas probas para acceder a un traballo temporal en Radio Noroeste”, explicou Chus Nogueira. A Begoña xornalista formouse cubrindo información, “co magnetófono e o bloc de notas como ferramentas, para esta emisora e, máis tarde, para Radio Popular e para a Delegación da Radio Galega”.
Pero a faciana xornalística de Begoña era indisociable do seu rol de activista. “Entre esta primeira xeración de xornalistas mulleres que se reunían na fábrica con sindicalistas, que facían entrevistas nos barcos ou que percorrían as rúas seguindo as manifestacións estaba Begoña Caamaño: a voz que en 1990 publicaba en Festa da palabra silenciada o artigo ‘Ser muller na radio’. A profesional que en 1998 formou parte da fundación de Mulleres Galegas da Comunicación, MUGACOM. A que deixou escrito que o feminismo supuña concibir e crear outra forma de estar no mundo”, destacou a profesora Nogueira.
Francisco Cidrás, director do departamento de Filoloxía Galega, lembrou que desde o ano 1970 este acto das Letras comprende tamén a presentación dun libro dedicado á persoa homenaxeada e preparado dende o devandito departamento. Nesta ocasión, a Real Academia acordou dedicar o Día “a unha muller excepcional, que todos temos na memoria polo seu coñecido activismo e sobre todo porque aínda debería estar entre nós, e vai para doce anos que nos deixou. Begoña Caamaño convértese así na sétima muller celebrada individualmente na historia do Día das Letras, na décimo cuarta de contarmos as cantareiras homenaxeadas por xunto na celebración do ano pasado”.
O profesor Cidrás salientou que a obra de Begoña Caamaño “é unha constante reflexión sobre a necesidade de dialogar cos mitos e coas tradicións cunha ollada crítica. Sobre a necesidade de darlles unha volta colocando os focos nas sombras da tradición e denunciando as sombras que os focos do poder ocultan. Sempre cunha perspectiva humanitaria e coa mirada posta en como debemos construír o futuro máis que en sacralizar como foron as cousas no pasado, sen preguntarnos por que foron dese xeito e se é de xustiza que sigan sendo así, só porque así o foron sempre”.