A Casa de Galicia en Madrid inaugurou a exposición "40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro", un percorrido visual e crítico polas catro décadas de historia democrática da comunidade. O acto contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, quen destacou que "Siro é un referente ético e estético que soubo retratar a alma de Galicia" a través do seu traballo.

A mostra, organizada pola Cámara galega en colaboración con Afundación e La Voz de Galicia, reúne unha selección das obras máis emblemáticas de Siro López, quen durante anos plasmou a actualidade política cun trazo inconfundible. Esta exposición chega á capital tras a recente homenaxe que a Xunta lle rendeu ao artista co gallo do Día da Ilustración 2026.
Como sinala o xornalista Alberto Barciela na súa análise sobre o debuxante, "Siro é esa caricatura de si mesmo, o xenio, a chispa e o bo talante". Para Barciela, o autor logrou crear un "círculo de artes e consensos dixeribles no humor máis certeiro", convertendo a complexidade da política en algo humano.
A exhibición, que ocupa as salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro, permite aos visitantes repasar os fitos que definiron a identidade de Galicia desde a aprobación do seu Estatuto. Desde a perspectiva de Asomega, este evento subliña a importancia da cultura na cohesión da identidade galega fóra das súas fronteiras. A mostra poderá visitarse na sede da rúa Casado del Alisal ata o vindeiro 29 de marzo.
