O envellecemento da poboación xa non é unha proxección de futuro, senón unha realidade clínica palpable nos hospitais galegos. En Ourense, o 52% dos ingresos do Servizo de Neurocirurxía rexistrados en 2025 correspondeu a pacientes maiores de 65 anos. Esta contundente realidade demográfica converteu á área sanitaria ourensá no laboratorio idóneo para liderar o proxecto europeo GENEUS (Geriatric Neurosurgery: Advancing neurosurgical care of older person in south-west Europe), unha iniciativa transnacional financiada con dous millóns de euros polo programa Interreg Sudoe.

O grupo de traballo galego neste ambicioso proxecto Geneus está coordinado pola doutora Ana Pastor Zapata, xefa do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense e profesional estreitamente ligada a Asomega. O equipo, codirixido pola neurocirurxá e investigadora Magda Elizabeth Garzón Tarazona (da Fundación Pública de Investigación Biomédica Galicia Sur), integra tamén a especialistas de Neurocirurxía, Medicina Interna e Anestesia e Reanimación, sumando forzas con centros de referencia de España, Francia e Portugal, como o recoñecido Gerontopole de Toulouse.
A necesidade deste enfoque xurdiu nun encontro científico en Barcelona en 2023. Como explica a doutora Garzón, os protocolos estándar deseñados para pacientes novos resultan insuficientes para persoas maiores fráxiles e complexas. "Era necesario empezar a escribir capítulos específicos sobre como tratar e seguir aos pacientes neurocirúrxicos maiores de 65 anos", apunta. De feito, o cambio de perfil é radical: en Ourense, mentres os menores de 40 anos representaron menos do 7% dos ingresos, os maiores de 80 sumaron máis do 13% en 2025 (87 hospitalizados, incluíndo 11 maiores de 90 anos).
Ante este escenario, a participación de Ourense será estratéxica. O hospital non só incorporou xa ao primeiro paciente ourensán no estudo —dos 20 asignados para esta fase inicial de análise clínico—, senón que liderará a segunda etapa do proxecto: o desenvolvemento dunha “caixa de ferramentas” organizativa. O obxectivo, segundo detalla a doutora Ana Pastor, é perfeccionar todo o itinerario asistencial, tanto no ingreso como na alta. Entre as medidas propostas destaca a criação de consultas multidisciplinares que concentren nun mesmo día as valoracións de varios especialistas e a aposta por unha auténtica “prehabilitación” do paciente maior.
O proxecto GENEUS estenderase ata 2028 para ofrecer recomendacións extrapolables a toda Europa, anticipando unha reconversión sanitaria urxente. Garzón advirte que en quince anos máis da metade da poboación superará os 60 anos, evidenciando desaxustes actuais como os da convocatoria MIR 2026, onde se ofertaron 530 prazas de Pediatría fronte a só 126 de Xeriatría. "Temos que empezar a planificar xa o sistema sanitario que imos necesitar dentro de dez ou quince anos", conclúe.