A Unidade de Cardioloxía Intervencionista do Hospital Álvaro Cunqueiro realizou, por primeira vez en España, o implante dun novo tipo de válvula no corazón para tratar a insuficiencia aórtica. Os especialistas implantaron con éxito tres válvulas a tres pacientes, que están dados de alta e evolucionan favorablemente.

O doutor Jose A. Baz co seu equipo, responsable da implantación desta nova técnica contra a insuficiencia aórtica no Cunqueiro.
Trátase dun dispositivo novo, “Jenavalve”, deseñado especificamente para o tratamento da Insuficiencia aórtica sintomática grave, en pacientes con risco cirúrxico.
Segundo explica o xefe de sección da Unidade de Cardioloxía Intervencionista, José A. Baz, “esta nova válvula é a primeira aprobada especificamente para esta patoloxía. Ata agora utilizábanse as mesmas TAVIs que se empregan para tratar estenoses aórtica, pero os resultados eran moi variables e existía risco de complicacións. A aportación fundamental desta nova válvula e o seu mecanismo de fixación, con 3 clips ou pinzas que fan que o seu sistema de ancoraxe sexa completo e seguro, cunha adaptación anatómica perfecta ás tres valvas do corazón”.
“Estamos moi satisfeitos cos primeiros resultados xa que supón un avance moi importante para os pacientes, porque agora podemos ofrecerlles un tratamento eficaz e seguro fronte a unha patoloxía que carecía dunha terapia axeitada”.
Procedemento minimamente invasivo
A Insuficiencia Aórtica ou “regurxitación aórtica” se produce cando a válvula aórtica non pecha ben, e a sangue, en vez de fluír polo seu circuíto, volta ao ventrículo esquerdo. Ao recibir sangue de máis e ao ter que bombear sangue extra, o corazón ten que adaptarse, dilatándose e hipertrofiándose en cada latido. Ao longo do tempo o paciente pode sentir síntomas como fatiga, afogo ou inchazón nas pernas.
A inserción da válvula realizase cun procedemento minimamente invasivo, introducíndoa por un catéter a través dunha punción na arteria femoral, sen necidade de abrir o esterno e parar o corazón. Trátase de procedementos menos agresivos, máis seguros e con menos complicacións en pacientes de alto risco cirúrxico. En consecuencia, reduce dun xeito moi significativo as estancias hospitalarias dos pacientes e permite acelerar a súa recuperación postoperatoria.
O Dr. Baz amosa a súa satisfacción pola elección do Álvaro Cunqueiro para realizar o primeiro implante desta nova válvula e explica que foi debido “á gran experiencia que temos nos implantes cardíacos transcatéter, dado que anualmente colocamos 350 válvulas de corazón (mitral, tricúspide e aórtica), polo que reuníamos as condicións e o nivel técnico requiridos para testar estes novos dispositivos”.