A Universidade de Santiago de Compostela (USC) brilla na edición 2025 do Ránking de Shanghai por materias cun recoñecemento destacado en 14 áreas temáticas. O protagonismo volve recaer na Facultade de Farmacia, que se sitúa no posto 45 mundial, consolidándose como a primeira de España en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas, unha clara mostra do liderado e da excelencia que mantén neste ámbito.

No que respecta á Facultade de Medicina, a súa presenza no ranking é sólida e mantén posicións similares ás de anos anteriores, situándose no rango 201-300 a nivel mundial en Ciencias Biolóxicas Humanas.
Aínda que non acada o nivel de protagonismo de Farmacia, esta posición reflicte a continuidade do seu traballo e a súa participación constante no ámbito internacional, sen grandes variacións respecto de edicións previas.
O ránking elabórase con rigorosos indicadores que inclúen a calidade do profesorado, o impacto e a calidade das publicacións científicas, así como a colaboración internacional.
A USC sitúase no intervalo 501-600 a nivel global entre as mellores universidades do mundo e destaca entre as posicións 11-16 a nivel estatal, reafirmando a súa importancia no panorama académico nacional e a súa capacidade investigadora multisectorial.