O Servizo Galego de Saúde nomeou ao doutor José Manuel Olivares Díez como novo director asistencial da Área Sanitaria de Vigo, en substitución da doutora Esther Casal Rodríguez, que ocupaba o cargo desde xuño de 2024.
Psiquiatra de recoñecida traxectoria, Olivares foi desde 2014 xefe do Servizo de Psiquiatría desta área sanitaria, onde impulsou múltiples iniciativas asistenciais, docentes e investigadoras. Entre elas destacan a creación de programas de atención temperá a primeiros episodios psicóticos en coordinación con asociacións de pacientes, a posta en marcha da Unidade de Prevención do Suicidio ou a apertura en 2023 da nova unidade de hospitalización de saúde mental no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Formado na Universidade de Santiago de Compostela e doutorado en Psiquiatría pola Universidade de Oviedo, completou a súa especialización en Vigo e na Universidade de Cambridge. É profesor asociado na USC, investigador responsable do grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e forma parte do CIBERSAM, a rede de investigación en saúde mental de referencia en España.
A súa traxectoria profesional estivo marcada por unha visión integradora e innovadora da asistencia, cun empeño constante en normalizar a atención á saúde mental no sistema sanitario público e situala ao mesmo nivel que outras áreas da Medicina.
No ámbito de Asomega, o doutor Olivares participou en outubro de 2023 como moderador da segunda sesión de Asomega Maiores, celebrada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, dedicada a “A saúde mental dos maiores en Galicia”. Naquel encontro subliñou a necesidade de poñer o foco neste grupo de poboación, lembrando que o estigma asociado á enfermidade mental persiste de forma especialmente resistente entre as persoas maiores.