Ancochea reafirma o compromiso de Asomega cunha medicina humana e innovadora

Nunha entrevista en COPE Ourense, o presidente de Asomega defendeu que a tecnoloxía non pode substituír o trato próximo co paciente.

26/10/2025

O presidente da Asociación de Médicos Galegos, o trivés Julio Ancochea, participou no programa de Juan Maceiras en COPE Ourense, onde volveu poñer o acento nos valores que inspiran a entidade que preside: a ciencia, a innovación e o sentimento.

Julio Ancochea.

Ancochea lembrou que Asomega, que vén de cumprir 31 anos, “é unha comunidade de afectos, solidariedade e orgullo compartido”, que busca conectar os médicos galegos dentro e fóra de España. Destacou ademais o labor da Academia Asomega, que reúne médicos consolidados e novos profesionais para transmitir coñecemento e fomentar vocacións.

Durante a conversa, o neumólogo ourensán insistiu na necesidade de manter a dimensión humana da medicina nun momento marcado pola intelixencia artificial e a dixitalización. “A tecnoloxía debe axudarnos, pero nunca substituír o contacto persoal co paciente”, subliñou.

Ancochea, que se referiu á recente celebración do acto da Academia Asomega en Santiago con mozos médicos e estudantes de Medicina, salientou tamén o compromiso da asociación co talento novo, a medicina rural e a formación internacional, con bolsas e encontros que buscan “conxugar ciencia e afecto”.

“Asomega é, ante todo, un sentimento e unha rede de soños compartidos polos médicos galegos en todo o mundo”, concluíu.