Día Mundial da Silicose: Vigo, con mil pacientes, afronta novos riscos

O peso da industria do granito na contorna de Vigo explica a especial atención á silicose, con consultas de Pneumoloxía en doce centros de saúde.

15/11/2026

Durante décadas, a silicose estivo ligada en Galicia á extracción e transformación do granito. Pero sería un erro considerala unha enfermidade do pasado ou circunscrita a determinadas actividades industriais. Así o quixo lembrar a Asociación de Afectados pola Silicose (Osilice) con motivo da conmemoración do Día Mundial da Silicose, coa instalación dunha mesa informativa o pasado 12 de novembro no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Pneumoloxía do Álvaro Cunqueiro e membro da Academia Asomega, segundo pola esquerda.

Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Pneumoloxía do Álvaro Cunqueiro e membro da Academia Asomega, segundo pola esquerda.

Representantes da asociación e pacientes repartiron material divulgativo para dar a coñecer os riscos desta enfermidade profesional e insistir na importancia de previla. Acompañáronos o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e Alberto Fernández Villar, membro da Academia Asomega, xefe do Servizo de Pneumoloxía do hospital, profesor titular de Medicina da Universidade de Vigo e coordinador do grupo NeumoVigo I+i do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

A dimensión do problema no sur de Galicia queda reflectida nos datos asistenciais: a área sanitaria realiza o seguimento de arredor dun milleiro de pacientes con silicose. Para atendelos conta cunha unidade específica de Pneumoloxía integrada por Tamara Lourido, a súa coordinadora, e Luis Pazos.

Unha das singularidades desta unidade é que son os especialistas os que se desprazan aos centros de saúde, evitando así numerosas viaxes ao hospital. A rede abrangue doce centros, con especial presenza en municipios como O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Ponteareas. Existe, ademais, un circuíto de derivación directa desde Atención Primaria ante a sospeita da enfermidade.

Unha enfermidade que non pertence ao pasado

Malia que na área viguesa diminuíu o número de novos casos, a aparición de persoas afectadas noutros sectores profesionais obriga a manter a vixilancia. Un informe publicado en 2025 polo Ministerio de Sanidade sinala a fabricación e manipulación de aglomerados de cuarzo, empregados habitualmente en encimeiras, como unha das principais causas do rexurdimento da enfermidade en España.

O mesmo estudo revela un dato especialmente significativo: Galicia concentrou o 32,9 % dos partes de silicose rexistrados en España entre 1990 e 2019.

A inhalación de po de sílice cristalina provoca lesións pulmonares irreversibles. Ante unha enfermidade para a que aínda non existe tratamento curativo, a protección dos traballadores segue a ser a ferramenta máis eficaz para evitar que as cifras de persoas afectadas continúen a medrar.