A poboación en tratamento médico para deixar o tabaco en Galicia medrou un 60% no último ano

O xerente do Sergas salienta o apoio ás persoas pacientes e os novos proxectos contra o tabaquismo no Día Galego Sen Tabaco 2025.

02/11/2025

O edificio administrativo de San Lázaro acolleu a conmemoración do Día Galego Sen Tabaco, un acto que serviu para poñer en valor a implicación do sistema sanitario galego, e moi especialmente do seu persoal profesional, no avance cara a unha Galicia libre de fume. O evento estivo presidido polo xerente do Sergas, José Ramón Parada, e contou coa participación destacada da subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables, Sagrario Pérez, xunto coa conferencia central impartida polo doutor Vidal Barchilón Cohen, referente en tabaquismo a nivel estatal.

La subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables de la Dirección Xeral de Saúde Pública, Sagrario Pérez; el xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; y o experto Vidal Barchilón Cohen, no acto do Día Galego Sen Tabaco.

La subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables de la Dirección Xeral de Saúde Pública, Sagrario Pérez; el xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; y o experto Vidal Barchilón Cohen, no acto do Día Galego Sen Tabaco.

Parada abriu o acto agradecendo o esforzo das áreas sanitarias por visibilizar esta xornada e o seu significado máis alá dunha conmemoración puntual: “O tabaquismo segue a ser un dos principais problemas de saúde pública, e é a nosa obriga moral e institucional seguir avanzando cara a un Sergas plenamente libre de fume”.

Na súa intervención, o xerente subliñou o papel clave da prevención e do acompañamento ás persoas que desexan deixar de fumar, “sen xulgar a quen non o consegue á primeira”, e destacou que o ano pasado se atendeu 3.080 pacientes nos programas públicos de cesación tabáquica, o que supón un incremento do 58% respecto ao ano anterior.

Entre as medidas para reforzar esta atención, Parada anunciou a extensión do seguimento mediante a plataforma de teleasistencia Telea, así como o reforzo da sinalización nos centros sanitarios como espazos libres de fume e campañas específicas dirixidas ao persoal sanitario, “porque cando un sanitario fuma, transmite unha mensaxe contraditoria”.

O acto serviu tamén para detallar os avances e retos do Plan Inspira Saúde 2023-2027. Sagrario Pérez expuxo os obxectivos de reducir a prevalencia do tabaquismo ao 15% en 2027 e ao 5% en 2030, facendo fincapé na importancia de sumar esforzos en prevención, asistencia e participación colectiva. Entre as novidades, destacou o piloto de cribado precoz de cancro de pulmón no centro de saúde do Ventorrillo e a súa próxima extensión a toda Galicia, mediante invitacións por SMS á poboación de risco.

A conferencia central, baixo o título “Novos consumos, mesmos riscos: elixe saúde”, foi impartida polo doutor Vidal Barchilón Cohen, que advertiu sobre os riscos das novas formas de consumo –cigarros electrónicos, tabaco quentado, pipas de auga e nicotina oral– e insistiu na necesidade de “tolerancia cero, tanto para o tabaco convencional como para os vapeadores”, alertando da manipulación mediática da industria e da urxente protección da mocidade ante estes produtos.

Galicia será a primeira comunidade que igualará as restricións ao vapeo ás do tabaco, tal e como subliñou na clausura do acto o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada. Ademais, reforzou o chamamento á exemplaridade do persoal sanitario e á responsabilidade colectiva en contornos libres de fume. “A maior ferramenta terapéutica segue a ser a prevención, e cada respiración sen tabaco é unha vitoria compartida para a sanidade pública galega”, asegurou.