O Centro Galego de Madrid celebrou esta fin de semana o Día das Letras Galegas cunha xornada de homenaxe ás cantareiras, protagonistas desta edición. O evento contou cun acto dobre que combinou palabra e música: a conferencia do poeta estradense Xosé Luna, titulada "As cantareiras arriban a Madrid", e o concerto do cantautor Manoele de Felisa, baixo o título "Homenaxe ás cantareiras".

Horacio Rico, presidente de Fagama, e o poeta estradense Xosé Luna que pronunciou a súa charla "As cantareiras arriban a Madrid" no Centro Galego da capital.
A intervención de Xosé Luna foi unha verdadeira reivindicación da memoria oral galega e das mulleres que, sen seren autoras de libros, “gardaron e transmitiron un saber fundamental para a nosa cultura”. O escritor, que é tamén mestre, ensaísta e dinamizador cultural, repasou a historia das cantareiras e do cancioneiro galego desde o século XIX ata a actualidade.
Comezou lembrando a figura de Marcial Valladares, quen en 1865 recolleu cancións populares co obxectivo de levalas aos salóns da alta sociedade. “No 1867 remata o Cancioneiro Popular Galego, que verá unha edición no ano 1970 co gallo das Letras Galegas a cargo da RAG e outra edición, da miña autoría, no ano 2003”, explicou Luna.
O relator destacou tamén o labor de Dorothé Schubarth e o profesor Antón Santamarina, que entre 1978 e 1983 deron forma ao que hoxe se considera “a Biblia da música tradicional galega”. Un traballo que foi complementado nas décadas seguintes polo ensino regrado, os coros históricos e as asociacións culturais que espallaron a tradición con “aulas, concursos e exhibicións por todo o país”.
Luna puxo en valor a continuidade desa herdanza entre as novas xeracións, mencionando a aparición de figuras da regueifa e da música que mestura tradición e vangarda, como Baiuca, Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou De Ninghures, entre outros. E salientou que artistas como Manoele de Felisa, presente na xornada, “retoman o elo que foron enfiando Milladoiro, Fuxan os Ventos, Leilía, Mercedes Peón, Uxía Senlle ou Xabier Díaz”.
O poeta pechou a súa intervención cunha mensaxe clara: “Amigas e amigos, o pobo que canta nunca morre. As cantareiras representan a raíz da nosa tradición musical”.
Entre as citas máis destacadas da súa intervención figuran versos e reflexións que emocionaron ao público:
- “Vouche dala despedida no corazón dunha cereixa. Como me hei de despedir se o corazón non me deixa.”
- “Que diriamos se o estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria pois Castelao dixo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo.”
- “Unha lingua é máis que unha obra de arte – É unha matriz inesgotable de obras de arte.”

Manoele de Felisa durante a súa actuación. Á dereita entre o público, diante do cantautor, o presidente de Asomega, Julio Ancochea.
A música puxo o broche á celebración coa actuación de Manoele de Felisa, que ofreceu un repertorio especialmente preparado para esta ocasión, recollendo temas da tradición e composicións propias que dialogan coa voz das cantareiras.
Un acto cheo de emoción, orgullo e memoria, que deixou claro que, mentres haxa quen cante, a cultura galega seguirá viva.

Sala do Centro Galego de Madrid repleta para escoitar a Xosé Luna e Manoele de Felisa e as súas achegas sobre as cantareiras.