Reproducimos este artigo de Alberto Barciela, "O Galeguismo na aldea global", unha fonda reflexión sobre a identidade galega ante os desafíos da modernidade. Cun estilo lírico e simbólico, convida á introspección e á defensa do que nos fai galegos, dentro e fóra do país. Un texto que emociona, esperta conciencia e chama a preservar, entre todos, unha cultura en risco de esvaecemento.
O Galeguismo na aldea global
Fagan correr o estúpido pano que oculta á aldea o mundo. Rachen as cortinas que separan as cidades e as montañas, suban as barreiras fronteirizas, abran os ollos, gocen do orixinal e dispóñanse a aprehender canto poidan. O lugar somos nós mesmos, no xenuíno, quizais no endogámico, no recoñecible e abarcable.
Agora, volvan sobre os seus pasos, cargados de frescura. Obsérvense recentes nos espellos dos seus recónditos cuartos. Se se recoñecen, reemprendan o traxecto, escollan unha travesía que lles afaste de toda posibilidade de éxtase. Prepárense para non retornar nunca ao pasado da confrontación e ao non polo non. Será positivo entrar no cuarto de durmir, nun retorno a inocencia da nenez, sentar sobre a cama, permanecer calados, expirar e respirar. Non é bo esperar impasibles a que o corpo se bote a perder, que se deteriore o punto que sobre a lúa do armario ou da parede se reflicte definitivamente como precedente da deterioración previa á cinza. A metáfora é extensible o pobo enteiro, sen exclusións.
En caso de non recoñecerse, inundados de contaminante mundanidade, o que é posible, hai que rememorar instantes de gozo, canto de bo se teña experimentado, desde a nenez á puberdade. Acabaremos así por vivir un pouco máis felices nalgúns momentos, preto ou lonxe da beira en que un abrollou tras experimentar ou nadar con pracer na placenta, no goce puro da nai, no fresco manancial puro do seu leite, sempre fieis a unha xenética da que resulta imposible desprenderse. O discorrer dos hábitos, o asumido, outorgaranos seguridade, emerxerá con frescura, máis fermoso que nunca, para acompañarnos xa para sempre ata o xusto momento de retornar ao principio, en teoría, á nada coñecida, desde a paisaxe abarcable dunha vida, dunha xeografía identificable, dunha cultura xenuína.
Impoñerse con imaxinación á imaxinación, aos soños terribles, facelo con alegrías fabuladas nun esforzo premeditado, motivado pola urxencia, fuxir de nosa propia atadura, permitiranos situarnos en nós mesmos, na Galicia, Nai e Señora. O resto son xeografías mais ou menos acolledoras, pero un galego sempre permanece no seu recuncho, onde queira que se atope.
Nas aldeas, co encanto da educación persoal e a civilización mínima, ese manual de supervivencia, arrastrado durante séculos entre rumores, coa súa imaxinería abundante, excesiva ás veces, de lendas, de medos conxurados por velas, de santos e beatos, e curas máxicas, ambiguas en resultados, eficaces no sustento dos días, todo representado, sendo o mesmo, dunha e mil maneiras. No pequeno parece máis fácil toparse na rúa cunha virxe perpetua ou cun case deus castrado, froito do maxín, que a un ser humano capaz de reproducirse. O milagre esta aí, é o que fai posible a continuidade dunha caste de poucos e escollidos, de saberes transversais, de fórmulas rudas e maxistrais, quen de facer do pequeno un universo, onde é imprescindible o dominio colectivo da liberdade individual nun bosque de árbores únicas, enraizadas unha a unha, cun mesmo, mesturados na discreción entre raíces, pero coa proxección dunha sombra, que non entende de lindes, só vén suxerida polo rei sol ou a súa tenue luz entre nubes. O galego é libre para emigrar pero levará con el a terra, ou rumores do vento e das augas, o sabor da comida, unha xeito de ser, unha cultura. Iso foi así, mentres foi.
A eternidade da aldea non está no tempo, nin no reloxo, sequera no cosmos. Está na imaxinación e na literatura, e en ambos os casos dura pouco ou resulta insuficiente, como o bo ou as excelsas obras teatrais. O medievo segue aí entre a vangarda invasora. Galicia resiste aí co súa verdade, incluso cando se traslada a Bos Aires, a Habana, a Berlín ou a China. Vai e permanece en cada un dos seus fillos, na tanxibilidade dunha vida na terra de orixe ou na diáspora.
Pero todo semella como ameazado nunha escaleira automática, moderna, na que se distingue sen elección as subidas e as baixadas. Galicia, como dixo o poeta, e aquilo que vai en nós e que nos leva. Pero neste aldea global, todo corre o risco de esvaecerse, a galeguidade mesma esta en risco, mais ninguén parece querer espertar dun soño no que fomos, no que aínda somos, e no que corremos o risco de esluírnos como cultura, subvencionada ou non. É unha responsabilidade común ineludible espertar a un realidade que non é ideolóxica, nin patrimonio individual, que é e debe seguir a ser de todos NÓS aquí, nesta vella Fisterra.
Alberto Barciela
Xornalista