A Xunta de Galicia foi recoñecida polo Ministerio de Sanidade na Convocatoria de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde 2025-2026 pola iniciativa Praias, parques e portos sen fume, seleccionada na área de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde.

Este recoñecemento distingue experiencias desenvolvidas polas comunidades autónomas e entidades públicas que destacan pola súa calidade, impacto, innovación, sustentabilidade e capacidade de seren replicadas noutros territorios.
A entrega oficial do recoñecemento terá lugar o vindeiro 9 de xuño, durante a Xornada de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde, que se celebrará na sede do Ministerio de Sanidade en Madrid.
A iniciativa galega impulsa a creación de espazos públicos libres de fume, especialmente en praias, parques e portos, co obxectivo de protexer a poboación fronte ao tabaco. Ademais, esta medida do Goberno galego ten por obxectivo promover estilos de vida saudables así como desnormalizar o consumo de tabaco en espazos familiares e de lecer.
Con esta iniciativa tamén se reforza o papel exemplarizante das persoas adultas diante de nenos, nenas e adolescentes e redúcese o impacto ambiental derivado das cabichas e residuos asociados ao tabaco. Cómpre salientar que o programa baséase na adhesión voluntaria dos concellos e na colaboración entre administracións, cidadanía e axentes comunitarios.
Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira na protección da xente nova fronte ás novas formas de adicción coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas que entrou en vigor o pasado 7 de marzo, coa prohibición do consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores ás persoas menores, entre outras medidas.