Investigadores da USC abordan a detección de artigos fraudulentos a través da IA

Alberto Ruano e Cristina Candal alertan no BMJ sobre as fábricas de manuscritos e o risco de validar datos falsos en guías médicas.

05/04/2026

O fenómeno das denominadas paper mills ou fábricas de artigos representa unha das crises de integridade máis complexas da academia actual. Estas organizacións operan comercializando manuscritos elaborados con datos inventados ou manipulados que, ao superar os filtros editoriais, ameazan con distorsionar o coñecemento global.

Os investigadores do IDIS Alberto Ruano y Cristina Candal.

Os investigadores do IDIS Alberto Ruano y Cristina Candal.

Alberto Ruano Raviña e Cristina Candal Pedreira analizan este escenario nun recente editorial do British Medical Journal (BMJ), onde subliñan que a validación destes traballos sen rigor pode "levar a conclusións erróneas en revisións sistemáticas e guías de práctica clínica".

Na súa análise, os expertos explican que o uso de tecnoloxías de procesamento avanzado permite agora aos editores identificar patróns sospeitosos que adoitan pasar desapercibidos durante a revisión por pares convencional.

Estas ferramentas son capaces de recoñecer anomalías estatísticas ou manipulacións visuais sofisticadas, establecendo un filtro necesario para protexer a fiabilidade das publicacións. Non obstante, recalcan que este reforzo técnico debe ser só unha parte dunha resposta moito máis ampla e estrutural.

A presión por publicar alimentou un mercado que pon en perigo a base da evidencia científica. Por iso, Ruano e Candal insisten na urxencia de "moverse cara a un modelo que valore a calidade e a transparencia por riba do volume de publicacións".

Blindar o proceso de edición é, segundo os investigadores, o paso fundamental para evitar que investigacións pouco fiables condicionen a toma de decisións profesionais e a confianza da sociedade no progreso científico.