Os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ismael González García e Saray Busto Ulloa veñen de acadar senllas bolsas Starting Grant na última convocatoria do European Research Council (ERC), un dos programas de financiamento máis competitivos de Europa. Estas axudas están dirixidas a persoal investigador nos primeiros anos da súa carreira cunha traxectoria prometedora e unha proposta científica de excelencia. Cada proxecto seleccionado recibe ata 1,5 millóns de euros durante un período de cinco anos. Nesta edición presentáronse 3.928 candidaturas e foron seleccionadas 478.
HypoPause: entender a menopausa dende o cerebro
O proxecto liderado por Ismael González, investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e do CiMUS, céntrase en afondar nos mecanismos do hipotálamo durante a menopausa. Baixo o título HypoPause, a investigación analizará como os cambios moleculares e celulares nesta rexión cerebral poden explicar as alteracións metabólicas propias desta etapa da vida das mulleres.
“O hipotálamo é unha área cerebral clave que controla múltiples sistemas fisiolóxicos, como o balance enerxético, a homeostase da glicosa e o metabolismo óseo”, sinala González. Tras a menopausa, a caída drástica de estradiol e proxesterona afecta a esta función, pero aínda non se sabe se tamén altera os mecanismos metabólicos. Para responder a esta incógnita, o seu equipo empregará secuenciación de ARN, análise histolóxica en modelos preclínicos e edición xenética in vivo.
Licenciado en Farmacia e doutor en Endocrinoloxía pola USC, González ampliou a súa formación cunha estadía posdoutoral no Centro de Investigación Helmholtz Munich (Alemaña), onde obtivo as bolsas Alexander von Humboldt e Marie Curie. En 2023 regresou a Galicia como investigador Ramón y Cajal e actualmente lidera o grupo NeuRoMet.
SUPREMUM: matemáticas para resolver retos biomédicos
O proxecto SUPREMUM, dirixido por Saray Busto Ulloa, aborda un desafío con enorme proxección en biomedicina: deseñar modelos numéricos capaces de simular con precisión fenómenos complexos como a interacción entre fluídos e tecidos no corpo humano. A súa primeira aplicación práctica centrarase na simulación do sistema cardiovascular, con posibles repercusións no diagnóstico, na planificación clínica e no desenvolvemento de novas tecnoloxías sanitarias.
Para logralo, Busto desenvolverá e estudará novos métodos matemáticos que conserven as propiedades estruturais dos modelos hiperbólicos que describen a mecánica de medios continuos. Estes avances permitirán reproducir con maior fidelidade tanto o movemento de fluídos como o de sólidos, abrindo a porta a un software innovador para resolver problemas de interacción fluído-estrutura. “Desenvolveremos esquemas numéricos eficientes e de alta orde en mallas non estruturadas, combinando diversas familias de métodos”, explica a investigadora.
Doutora en Matemática Aplicada pola USC, Busto conta cunha sólida traxectoria internacional en Italia e España, e dende 2024 é investigadora Ramón y Cajal no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).
O recoñecemento coa bolsa Starting Grant a dous novos investigadores da USC reforza a proxección internacional da institución e consolida a Galicia como referente en investigación biomédica e en innovación matemática aplicada á saúde.