O IDIS consolida a súa proxección científica e competitiva cunha captación récord de 50 millóns

Alcanzou en 2024 o seu maior volume de fondos e publicacións científicas, con máis de mil artigos en revistas indexadas.

05/07/2025

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) pechou 2024 cunha captación de fondos próxima aos 50 millóns de euros, a cifra máis alta desde a súa creación, e 1.091 artigos publicados en revistas científicas indexadas, o que representa o seu récord histórico de produción científica, cun incremento do 8 % respecto ao ano anterior.

IDIS Santiago

Estes datos consolidan ao IDIS como unha referencia estatal en investigación sanitaria e biomédica, situándose entre os tres institutos con maior número de proxectos activos en convocatorias públicas competitivas e entre os que máis financiamento obtiveron do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.

Durante a presentación dos resultados da memoria anual, a directora científica do IDIS, Luz Couce, subliñou que os avances son “froito do traballo e compromiso dos investigadores” e destacou a terceira renovación da acreditación do Instituto por parte do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). Esta reacreditación permite ao IDIS manter o seu posicionamento competitivo e acceder a convocatorias e categorías de excelencia científica.

A colaboración, tanto interna como internacional, é outro dos selos do Instituto. Case o 50% das publicacións corresponden a colaboracións con centros estranxeiros, mentres que outro 25 % foron desenvoltas por grupos do propio IDIS, o que o sitúa entre os institutos con maior número de colaboracións internas nos seus traballos científicos.

O centro conta con 1.430 persoas integradas en 113 grupos de investigación, distribuídos en sete áreas científicas. En 2024 realizáronse 97 novos contratos de persoal procedentes de convocatorias competitivas e defendéronse 109 tese doutoral, das cales 32 obtiveron a mención internacional.

No ámbito da transferencia, o IDIS solicitou 59 novas patentes e creou unha nova spin-off. A súa Unidade de Transferencia e Innovación, acreditada segundo normas UNE, potencia a aplicación dos avances científicos no sistema sanitario e no mercado.

En paralelo, o Instituto asinou 643 contratos e outras prestacións de servizos por valor de 7,4 millóns de euros, e puxo en marcha 378 novos estudos clínicos, máis dun terzo deles en fases temperás. Ademais, as unidades de Biopsia Líquida e Epigenómica obtiveron tamén acreditación durante o exercicio.

A directora científica valorou especialmente o recoñecemento do CIMUS como unidade de excelencia María de Maeztu, e destacou que este tipo de distincións reforzan a posición do IDIS como motor científico en Galicia.