CINBIO inicia un proxecto innovador con péptidos para frear a artrose

O CINBIO da UVigo pon en marcha unha investigación con péptidos terapéuticos, xa patentada, para deter a progresión da artrose e rexenerar cartilaxe.

18/01/2026

Dende o grupo Cellcom, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, do CINBIO, levan anos investigando novas terapias fronte a doenzas dexenerativas asociadas ao envellecemento. Entre elas atópase a artrose, unha das enfermidades máis frecuentes e incapacitantes. Este mes iniciaron un novo proxecto grazas a unha axuda de 381.500 euros do programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia para acelerar a chegada ao mercado da I+D desenvolvida en universidades e centros tecnolóxicos galegos.

María Mayán e o seu equipo.

María Mayán e o seu equipo.

A iniciativa, liderada pola investigadora María Dolores Mayán, leva por título "Péptidos senoterapéuticos para o tratamento da artrose" (OA) e desenvolverase ao longo de 24 meses. O seu obxectivo é avanzar nunha aproximación terapéutica que supere o mero alivio temporal da dor. “A innovación baséase no uso de péptidos terapéuticos deseñados para frear activamente a progresión da enfermidade e favorecer a rexeneración do tecido articular”, explica a responsable do proxecto.

A estratexia céntrase na modulación da conexina 43 (Cx43), unha diana molecular identificada polo propio grupo e directamente implicada nos procesos de senescencia celular e inflamación que conducen á degradación da cartilaxe. Os resultados preclínicos obtidos amosan que a administración local mediante inxección intraarticular permite deter o avance da enfermidade e estimular a rexeneración do tecido, mellorando a función articular e a mobilidade sen dor.

A tecnoloxía, xa protexida mediante unha patente internacional, ofrece unha intervención farmacolóxica altamente específica, segura e potencialmente personalizada. “Os fármacos baseados en péptidos caracterízanse por unha boa tolerancia, baixa toxicidade e mínimos efectos secundarios, ademais de permitir un deseño adaptado a tratamentos localizados e de liberación controlada”, sinalan desde o grupo.

Aínda que o foco principal é a artrose, a proposta tamén mostrou eficacia noutras enfermidades asociadas ao envellecemento, nas que a inflamación e a senescencia celular teñen un papel clave.

“A axuda estratéxica da GAIN permitiranos dar un paso moi importante para avanzar na transferencia dunha terapia dirixida, con resultados moi prometedores en modelos animais”, subliña Mayán, quen destaca o carácter innovador dunha aproximación nunca empregada ata agora para o tratamento da artrose. O seguinte paso será impulsar a creación dunha spin-off, coa colaboración do CINBIO, da Universidade de Vigo, da GAIN e doutros centros e profesionais, para avanzar no desenvolvemento regulatorio e facilitar a transferencia ao ámbito clínico e industrial.