Cintia Folgueira, nova académica numeraria da Academia Xove de España

Recoñecida pola súa traxectoria en metabolismo e saúde, Folgueira únese á Academia tras superar un proceso altamente competitivo.

25/06/2025

A investigadora Cintia Folgueira, integrante do grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), foi nomeada académica numeraria da Academia Xove de España, unha entidade creada en 2019 por sete investigadores vinculados á Academia Xove Global. Entre os seus obxectivos figuran promover a ciencia como opción profesional, favorecer o intercambio entre investigadores mozos de distintas institucións, actuar como foro de colaboración e conectar a comunidade científica española co talento que reside no estranxeiro.

Cintia Folgueira.

Folgueira incorpórase no primeiro relevo de membros, xa que a permanencia está limitada a cinco anos para garantir o carácter xove da institución. A investigadora recibiu este recoñecemento con “enorme ledicia e gratitude”. Segundo declarou, “entrar na Academia Xove de España é unha verdadeira honra e supón un paso moi importante na miña carreira como investigadora. Para min, formar parte dela é unha oportunidade única para contribuír á ciencia desde unha perspectiva colectiva, impulsar colaboracións e dar máis visibilidade ao traballo que desenvolvemos desde Galicia no ámbito do metabolismo e a saúde”.

A elección realizouse a través da Xunta Xeral da Academia, asesorada por un comité internacional independente composto por investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio en distintas áreas. Das 123 candidaturas presentadas, foron seleccionadas dez novas persoas como académicas numerarias. En conxunto, estes novos membros contan coa autoría de máis de 800 artigos científicos, teñen desenvolvidas 10 patentes e foron beneficiarios de 7 axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC Starting e Consolidator Grants).

Méritos destacados de Cintia Folgueira:

  • Premio EFSD Lilly Young Investigator Research Award Programme (2022)
  • European Association for the Study of Obesity New Investigator Award in Basic Science (2023)
  • IBSA Foundation Award in Endocrinology (2024)
  • Nomeada Rising Star 2022 pola Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO)
  • Premio Xoves Endocrinólogos da Fundación da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e Lilly
  • Nomeada Rising Star 2024 pola European Foundation for the Study of Diabetes (EFSD)
  • Recoñecemento “Entre Mulleres” do Concello de Lugo polo seu compromiso social a través da divulgación científica e a súa traxectoria profesional

O seu nomeamento supón un novo fito nunha carreira científica marcada pola excelencia investigadora e o compromiso coa saúde metabólica, desde Galicia para o mundo.