Moderación, lecer produtivo e “galeguización psicolóxica”, claves da lonxevidade ourensá

Ourense analiza os factores científicos da súa lonxevidade centenaria nun estudo pioneiro promovido pola asociación Ourensividad.

02/05/2025

A provincia de Ourense converteuse esta semana en referente nacional do envellecemento saudable coa presentación do estudo “O fenómeno das persoas centenarias”, unha investigación científica pioneira desenvolvida pola asociación Ourensividad, da que son vicepresidentes os membros de Asomega Cristina Margusino e José Manuel Lage, e financiada pola Deputación de Ourense

Ourensividad presentou o seu primeiro estudo sobre os factores que inflúen na lonxevidade dos habitantes da provincia de Ourense.

A investigación baséase nunha rigorosa análise cualitativa e cuantitativa levado a cabo por un equipo multidisciplinar de profesionais da medicina, a enfermería e a farmacia, e foi aprobada polo Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense. En total, analizáronse 126 variables nunha mostra de persoas centenarias da provincia co obxectivo de identificar os factores comúns que explican a súa lonxevidade con calidade de vida.

Un dos resultados máis relevantes, segundo explicou Roberto Fernández, investigador principal do estudo, é que o 41% dos entrevistados carecía de deterioración cognitiva ou o tiña nun estado moi leve, e unicamente o 12% presentaba sobrepeso. Ademais, confirmouse unha estreita relación entre saúde cognitiva e funcional e o benestar vital percibido.

O informe tamén sinala a alimentación baseada no autoconsumo —con produtos frescos e de tempada cultivados en hortas propias— como unha práctica común entre os centenarios, en liña cos principios da Dieta Atlántica. Este hábito alimentario vincúlase non só cunha dieta saudable, senón tamén cun estilo de vida activo.

Outro trazo compartido é a gran laboriosidade: para o 70% das persoas entrevistadas, o traballo foi un eixo central na súa vida. O estudo tamén destaca a resiliencia como un factor crave: a capacidade de adaptarse aos cambios e superar adversidades aparece de forma recorrente nos relatos dos lonxevos.

Durante a presentación, Pablo García Vivanco, presidente de Ourensividade, conversou coas centenarias Elisa Soria e Laura Fernández. “Hai que seguir tendo inquietudes, cultivándose tanto física como intelectualmente, esa é a forma de adaptarse á vida actual”, afirmou Soria. Pola súa banda, Fernández sinalou que “a familia e os amigos” son os piares da súa felicidade.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, felicitou aos investigadores e ás centenarias participantes e destacou que o estudo servirá como “folla de roteiro” para deseñar políticas públicas de atención ás persoas maiores. Ademais, aproveitou a ocasión para anunciar novas medidas sociais, como a potenciación do servizo de teleasistencia, cun investimento previsto de dous millóns de euros en catro anos, e unha convocatoria de axudas para adaptar vivendas a persoas maiores. Tamén adiantou que o programa de termalismo social incluirá unha iniciativa específica para combater a deterioración cognitiva leve.

Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, intervén no acto de presentación do estudo de Ourensividad.

Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, intervén no acto de presentación do estudo de Ourensividad.

“Queremos seguir fomentando que a xente maior poida vivir na súa casa, con autonomía e calidade de vida. Ourense é exemplo dunha institución envorcada coa súa cidadanía”, concluíu Menor.

Este estudo pioneiro posiciona a Ourense como un laboratorio natural da lonxevidade e marca un punto de partida para futuras accións centradas no envellecemento activo e saudable.