Noticias de Asomega

Xosé Luna: "O pobo que canta nunca morre"

O Centro Galego de Madrid celebrou esta fin de semana o Día das Letras Galegas cunha xornada de homenaxe ás cantareiras, protagonistas desta edición. O evento contou cun acto dobre que combinou palabra e música: a conferencia do poeta estradense Xosé Luna, titulada "As cantareiras arriban a Madrid", e o concerto do cantautor Manoele de Felisa, baixo o título "Homenaxe ás cantareiras".

Horacio Rico, presidente de Fagama, e o poeta estradense Xosé Luna que pronunciou a súa charla "As cantareiras arriban a Madrid" no Centro Galego da capital.

A intervención de Xosé Luna foi unha verdadeira reivindicación da memoria oral galega e das mulleres que, sen seren autoras de libros, “gardaron e transmitiron un saber fundamental para a nosa cultura”. O escritor, que é tamén mestre, ensaísta e dinamizador cultural, repasou a historia das cantareiras e do cancioneiro galego desde o século XIX ata a actualidade.

Comezou lembrando a figura de Marcial Valladares, quen en 1865 recolleu cancións populares co obxectivo de levalas aos salóns da alta sociedade. “No 1867 remata o Cancioneiro Popular Galego, que verá unha edición no ano 1970 co gallo das Letras Galegas a cargo da RAG e outra edición, da miña autoría, no ano 2003”, explicou Luna.

O relator destacou tamén o labor de Dorothé Schubarth e o profesor Antón Santamarina, que entre 1978 e 1983 deron forma ao que hoxe se considera “a Biblia da música tradicional galega”. Un traballo que foi complementado nas décadas seguintes polo ensino regrado, os coros históricos e as asociacións culturais que espallaron a tradición con “aulas, concursos e exhibicións por todo o país”.

Luna puxo en valor a continuidade desa herdanza entre as novas xeracións, mencionando a aparición de figuras da regueifa e da música que mestura tradición e vangarda, como Baiuca, Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou De Ninghures, entre outros. E salientou que artistas como Manoele de Felisa, presente na xornada, “retoman o elo que foron enfiando Milladoiro, Fuxan os Ventos, Leilía, Mercedes Peón, Uxía Senlle ou Xabier Díaz”.

O poeta pechou a súa intervención cunha mensaxe clara: “Amigas e amigos, o pobo que canta nunca morre. As cantareiras representan a raíz da nosa tradición musical”.

Entre as citas máis destacadas da súa intervención figuran versos e reflexións que emocionaron ao público:

  • “Vouche dala despedida no corazón dunha cereixa. Como me hei de despedir se o corazón non me deixa.”
  • “Que diriamos se o estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria pois Castelao dixo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo.”
  • “Unha lingua é máis que unha obra de arte – É unha matriz inesgotable de obras de arte.”

Manoele de Felisa durante a súa actuación. Á dereita entre o público, diante do cantautor, o presidente de Asomega, Julio Ancochea.

A música puxo o broche á celebración coa actuación de Manoele de Felisa, que ofreceu un repertorio especialmente preparado para esta ocasión, recollendo temas da tradición e composicións propias que dialogan coa voz das cantareiras.

Un acto cheo de emoción, orgullo e memoria, que deixou claro que, mentres haxa quen cante, a cultura galega seguirá viva.

Sala do Centro Galego de Madrid repleta para escoitar a Xosé Luna e Manoele de Felisa e as súas achegas sobre as cantareiras.

Actuación da Agrupación Artística Rosalía de Castro.

Xosé Luna saúda ao presidente do Centro Galego de Madrid, Fernando Rey Paz.

Xosé Luna, Horacio Rico, Manoele de Felisa, Fernando Rey Paz e Elisardo Flores.

Iñaki Moreno

Entradas recientes

La Red TBS, distinguida por su labor social, advierte en su última publicación sobre riesgos sanitarios

El nuevo número de "Memorias" repasa la distinción a la Red TBS, su labor social…

2 días hace

Continúan llegando condolencias por el fallecimiento del doctor Aniceto Charro

Pesar y admiración en la despedida al presidente de honor de Asomega, referente científico y…

2 días hace

La Academia Asomega abre un espacio de diálogo entre generaciones médicas

El 11 de octubre, “Trayectoria y Vida” reunirá en Santiago a médicos jóvenes y expertos…

2 días hace

Asomega, na presentación en Madrid da nova campaña turística da Xunta de Galicia

A campaña presentada en Madrid reivindica Galicia Calidade como marca-país e aposta por un turismo…

3 días hace

Los oftalmólogos reconocen a García Feijóo con el Premio Castroviejo 2025

Miembro de Asomega, recoge el testigo de otros dos destacados socios: su padre, García Sánchez,…

7 días hace

Hondo pesar en la Medicina por la desaparición de Aniceto Charro

Asomega recibe numerosas muestras de cariño y reconocimiento tras la muerte de Aniceto Charro, socio…

1 semana hace