Ciencia al día

Vigo aplica a primeira terapia xénica pública contra a hemofilia B en España

O Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo converteuse esta semana no primeiro centro hospitalario do sistema público español en aplicar un tratamento de terapia xénica para a hemofilia B. A intervención realizouse a un paciente da área sanitaria viguesa, tras a inclusión deste medicamento na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde por parte da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos.

Equipo multidisciplinar que participou nesta primeira medicación baseada en terapia xénica a un paciente con hemifilia B feita en España. Na foto, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto (1º pola dereita). Ao seu lado, o doutro Manuel Rodriguez López, do Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia, e a xefa deste mesmo servizo, a doutora Carme Albo (4ª pola dereita).

A doutora Carmen Albo, xefa do Servizo de Hematoloxía da área sanitaria de Vigo, cualificou a intervención como un “fito histórico” e destacou que esta nova terapia “cambiará completamente a evolución da enfermidade do paciente e o seu modo de vida, se todo evoluciona como está previsto”.

O tratamento, baseado no medicamento Etranacogen Dezaparvovec, representa o único enfoque curativo ata agora para a hemofilia B, unha enfermidade hematolóxica rara ligada ao cromosoma X, que afecta aproximadamente a 5 de cada 100.000 varóns. A Xunta de Galicia destina a esta terapia un investimento de 15,6 millóns de euros.

O doutor Manuel Rodríguez López, tamén hematólogo do Álvaro Cunqueiro e coordinador da actuación, explicou que esta terapia introduce un vector xénico que “non actúa sobre o núcleo da célula, senón sobre o hepatocito, que produce o factor IX no fígado”.

Ademais de eliminar a necesidade do tratamento semanal habitual con factor IX, Rodríguez sinalou que “ten unha incidencia moi importante en outras patoloxías posteriores como é a artrite”. Subliñou que “esta nova terapia evitará este sangrado e, se ben non ten carácter reversible, si deterá a artrite derivada desta enfermidade e a posible necesidade de implantacións futuras de próteses de cadeira ou xeonllos”.

A relevancia internacional deste avance tamén foi destacada polos profesionais. Segundo explicou o doutor Rodríguez, “posiblemente, este sexa o sétimo ou oitavo paciente a nivel mundial” en recibir este tratamento. Citou referencias de aplicacións previas en “3 pacientes tratados en Estados Unidos, 2 en Francia, 1 máis en Dinamarca e, posiblemente, outro máis en Austria”. Neste contexto, puxo en valor que “é destacable o esforzo realizado polo Servizo Galego de Saúde para conseguir introducir no sistema público esta terapia”.

Aplicación restrinxida e seguimento a longo prazo

O tratamento está reservado a casos de hemofilia B grave ou moderadamente grave, en adultos sen antecedentes de inhibidores do factor IX, que leven dous anos cun tratamento profiláctico estable con factor IX recombinante de vida prolongada, e presenten un nivel de anticorpos neutralizantes contra o vector viral AAV5 igual ou inferior a 1:678.

En Galicia existen 51 pacientes diagnosticados con esta enfermidade (37 homes e 14 mulleres), dos cales 8 poderían beneficiarse desta terapia se cumpren cos requisitos clínicos establecidos.

Segundo os estudos do laboratorio fabricante, e tal como apuntou o doutor Rodríguez, “máis do 80% destes pacientes estarán libres desta enfermidade nos 25 anos e medio próximos, se todo discorre como se espera e o paciente se somete aos controis previstos”.

Iñaki Moreno

Entradas recientes

Fernando Mosteiro: "El CHUAC no se puede entender sin los trasplantes"

El coordinador de trasplantes del CHUAC destaca en un programa especial de Onda Cero el…

3 horas hace

A poboación en tratamento médico para deixar o tabaco en Galicia medrou un 60% no último ano

O xerente do Sergas salienta o apoio ás persoas pacientes e os novos proxectos contra…

4 horas hace

Premiado un proyecto gallego que impulsa la genética contra la enfermedad renal

La Sociedad Española de Nefrología financia con 24.000 € un estudio pionero sobre diagnóstico precoz…

4 horas hace

Innovación y humanismo, claves del futuro en terapias respiratorias

El presidente de Asomega destaca en la reciente jornada de VitalAire la necesidad de unir…

4 horas hace

Marisa Crespo, por una cardiología que integre prevención, tratamiento y autocuidado

La cardióloga, recién nombrada vicepresidenta de la SEC, habló sobre prevención y cuidados del corazón…

1 día hace

La 4ª Jornada de Centros de la Red TBS, contra la epidemia de la injusticia

Expertos de los ámbitos sanitario, penitenciario y humanitario reclaman más acción solidaria frente a la…

3 días hace